O Parque Natural Serra da Enciña da Lastra está situado no Noroeste da provincia de Ourense, no municipio de Rubiá, comarca de Valedoras. Foi declarado Parque Natural no ano 2002. Conta cunha superficie de 3.151.67 ha. e unha altitude media de 684 m. Trátase dun val de pedra caliza de pendentes pronunciadas de cantís, nos cales ubicanse bosques de clima mediterráneo.
A Serra de Enciña da Lastra é unha área de especial interese faunístico, en particular polas súas poboacións de aves rapaces, entre as que destacan a aguia real (Aquila chrysaetos) e o falcón peregrino (Falco peregrinus). Ademais, a abundancia de covas, denominadas palas , propician a existencia de numerosas colonias de morcegos, as máis importantes de Galicia. Outro punto de interese radica na presenza de zonas de pasto de tipo mediterráneo, características de zonas rochosas de montaña.
A paisaxe modelada sobre a rocha caliza, moi escasa en Galicia, ofrécenos aquí unha visión inesquecible: covas, grutas e vales os que se adaptan a vexetación e a fauna do lugar. Os ríos disolveron as rochas e escavaron profundos canóns, creando un ecosistema con importantes recursos naturais que lle dan o Parque un carácter sobresaínte.
Nesta serra atópanse representadas a metade das especies vexetais de toda a Comunidade. Situadas nas ladeiras dos vales do río Sil atopamos bosques de aciñeiras (Quercus ilex), grandes arbustos de tomentelo (Thymus mastichina, Thymus caespitititus, Thymus pulegioides), Santolina (Santolina semidentata), ou matorrais e pastizais que forman hábitats protexidos pola Unión Europea e tamén no ámbito galego como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.Entre toda esta riqueza vexetal destaca unha flor endémica que crece nos roquedos de montaña, a Petrocoptyx grandiflora.
A vexetación está adaptada as rochas calizas, como algúns fieitos, herbas e unha especie de tomentelo que prácticamente non existe noutros lugares de Galicia. As plantas endémicas confírenlle unha importancia engadida, entre as que destacan as máis de vintecinco especies de orquídeas que podemos atopar, a mellor representación galega.
No respecto á fauna deste parque nacional atopamos unha rica comunidade de morcegos que oscila entre 9 e 15 especies. É espazo de gran importancia de aves de rapina coa nidificación da aguia real (Aquila chrysaetos), esporadicamente do voitre branco (Neophorn percnopterus), aguia albela (Circaetus gallitus), falcón peregrino, (Falco peregrinus) etc.
Destaca tamén a presenza do cangrexo de río autóctono, (Austropotamobius pallipes) así como a diversidade de réptiles na zona e a presenza do gato bravo (Felis silvestris).